O Corpus Documentale Latinum Gallaeciae naceu co propósito de elaborar un corpus textual o máis completo e actualizado posible de toda a documentación medieval en lingua latina relacionada con Galicia ata o ano 1500. Abrangue os textos historiográficos en sentido amplo e os recollidos nos cartularios e coleccións dos centros monásticos: Samos, Sobrado, Oseira, Celanova, Xubia, Lourenzá, Carboeiro, Caaveiro, Antealtares, San Martiño Pinario etc., así como documentación das sés catedralicias de Santiago, Mondoñedo, Lugo, Tui e Ourense.

Ata o de agora, resultaba imposible poder facer algún tipo de estudio exhaustivo a partir da documentación latina medieval galega ao completo, pois, espallada en bibliotecas e arquivos tanto provinciais e locais como estatais de diversos países, estaba publicada en edicións máis ou menos restrinxidas topográfica e tematicamente e de moi diversa calidade; ás veces, vellas edicións de séculos pasados. Así mesmo, hoxe quedan aínda moitos inéditos, a pesares de que, afortunadamente, non cesan de saír do prelo novas coleccións que, paulatinamente, irán incorporándose ó corpus.

Con esta intención, CODOLGA comezou no número 4 a publicación de inéditos e novas edicións de textos e documentos medievais da Gallaecia -a documentación do mosteiro de Santa María de Meira- que se continúa no número 5 coa edición dos documentos do tombo de Toxosoutos de F. J. Pérez Rodríguez, cedidos xenerosamente polo Consello da Cultura Galega nun afán de colaboración e difusión da cultura de Galicia. Esta nova liña queda aberta a traballos de investigación que se remitan a CODOLGA para a súa publicación.

O proxecto materialízase nunha base de datos que conta con 11807 de rexistros, que reflicten o contido de 148 edicións.

Paralelamente a isto, o equipo de investigación do proxecto está a facer unha edición propia, totalmente revisada e posta ó día, dos 180 rexistros que compoñen toda a Documentación Real anterior ao ano 1000 incluída nesta Base de Datos.

Este número 6 de CODOLGA inclúe como novidade a introdución de textos historiográficos, concretamente a Crónica de Hidacio e os Annales Portugalenses Veteres, na idea de ir incorporando en números sucesivos toda a historiografía latina medieval. Así mesmo, iniciamos agora a publicación de artigos inéditos sobre temas relacionados coa documentación medieval no seu máis amplo espectro, como se ve no traballo de Ainoa Castro Correa "Fuentes bibliográficas para el estudio de la documentación altomedieval gallega" e de Maurilio Pérez González "La voz bolonera o bollonera en el latín medieval diplomático asturleonés".

A infraestrutura informática na que está inserida esta enorme cantidade de documentación permite realizar buscas de calquera palabra ou conxunto de palabras segundo diversos criterios, o que fai deste corpus textual unha ferramenta básica para investigacións de diversa índole: lingüística, literaria, histórica, cultural ou sociolóxica.

CODOLGA publícase como serie de periodicidade anual.